Sobre min

Como afrontar unha vida sen arte? Eu non podería.
Son licenciada en Belas Artes e actriz por vocación.  Estudei o mestrado de docencia e o mestrado de xestión cultural buscando ampliar o meu coñecemento e saciar a miña curiosidade. Tamén me formei en locución e dobraxe e actualmente estou estudando o Grao en Dereito.
Ao longo do meu percorrido fun descubrindo distintas formas de achegarme á cultura, dende o escenario ata o traballo que hai detrás de cada proxecto. Hoxe, todas esas facetas conviven en Suricata Cultura, un espazo propio dende o que seguir aprendendo e construíndo o meu camiño profesional.

Gústame a xente que ten algo que contar, as ideas que se conectan coas realidades e problemáticas do día a día e os proxectos que nacen da vontade de aportar algo e, se poden, de mudar algo. Quizais por iso disfruto tanto creando como buscando oportunidades para que outras persoas poidan desenvolver as súas propostas. Interésame unha cultura viva, curiosa e conectada co mundo que habitamos, sen perder de vista de onde vimos, a nosa terra: Galicia. 
Creo no poder da cultura para conectar, reflexionar e facer do mundo un lugar mellor.


Unha compañía de espectáculos de pequeno e mediano formato

Suricata Teatro é un proxecto independente de pequeno e mediano formato que nace en Galicia. Desenvolvemos espectáculos dirixidos principalmente ás infancias, nos que o xogo, a imaxinación e a reflexión se mesturan para ofrecer experiencias que ensinen mediante a nosa lingua, divirtan e fomenten o seu mundo imaxinativo. Traballamos dende a proximidade e o xogo cunha pizca de improvisación.

Queremos que as crianzas descubran desde pequenas o pracer de vivir as artes escénicas, facendo do teatro un hábito cultural e un espazo compartido no que cultivar valores como a empatía, a colaboración, a curiosidade, a igualdade e o pensamento crítico entre moitos outros.

Apostamos por un teatro familiar con identidade propia, que poña en valor a lingua galega, a memoria colectiva e o patrimonio cultural, conectando as historias que nos trouxeron ata aquí coas inquedanzas do presente. Interésanos contar desde o noso, desde Galicia e as súas xentes, para recoñecernos nas historias e descubrir outras realidades a través delas.

Queremos levar todo ese universo que cabe dentro do teatro alí onde tamén debe estar: ás vilas, ás aldeas, ás escolas, ás bibliotecas e aos espazos culturais do rural galego. Porque o acceso á cultura non debería depender do lugar no que vivimos.
O teatro crea comunidade, xera encontros entre xeracións e contribúe a crear unha sociedade máis xusta, crítica e sensible. Por iso defendemos formar parte dun teatro que non só se contemple, senon dun onde o público se sinta parte, onde viva e comparta. 


Axudas do Programa EMEGA
Axudas do Programa EMEGA